domingo, 15 de novembro de 2020

En forma con 6º!

Aquí estamos de novo! Este ano mais centrados nas aulas virtuais e nos contidos de E-dixgal pero non nos esquecemos do blog. 

E queremos presentarvos unhaS "tabatas" que fixeron na aula de 6ºB. Son catro minutos de actividade, nos que podedes facer algo de exercicio, moverse ao ritmo da música e pasar un bo rato.

Esperamos que vos gusten! Un saúdo a todos e todas.




luns, 19 de outubro de 2020

Ruta da pedra e da auga

Este pasado xoves, día 15, puidemos retomar unha das nosas actividades preferidas: as rutas en contacto coa natureza. E que mellor opción que ir ao Salnés para coñecer e percorrer a Ruta da pedra e da auga.


O grupo de 4ºA -que tivo un comezo de curso moi complicado- completou a senda en sentido ascendente, dende Ribadumia ata o Mosteiro de Armenteira; facendo desta xornada un gran día de convivencia e de aula ao aire libre.

En breve subiremos algunha das fotos realizadas, e que serivarán para facer o mural da súa aula.

Un saúdo e seguiremos en contacto! 

xoves, 1 de outubro de 2020

Xa queda menos!

 Veña que para a semana estamos todos e todas de volta na clase!

20 minutos de exercicio puro e duro. Estades listos? 




Moito ánimo! 


domingo, 27 de setembro de 2020

Aumentamos a intensidade!

Esta semana toca traballar dende casa (...) E non vale quedarse sen moverse; o día 6 vémonos e tedes que estar en forma, porque vos penso preparar unha volta ás clases moi especial. Ok?


A música a poñedes ao voso gusto. E os exercicios están para adaptalos, cada un/unha ao seu nivel. O importante é non parar!

Apertas grandes e moito ánimo! 

xoves, 24 de setembro de 2020

O venres... TABATA!

 (Se temos que quedar na casa, pois quedamos, pero ao saír, imos a estar mais fortes que nunca!)


Moito ánimo para a nosa clase de 4ºA, que non poderá vir ás clases durante uns días. Unha aperta!

Comezando un novo curso...

 


Cantas ganas tíñamos de vernos, de volver ás clases; de compartir tempos e espazos nesta parte vital das nosas vidas, o paso pola escola.

E sabíamos que ía ser un curso raro, marcado polas medidas preventivas da Covid-19, onde todo tiña que ser desinfectado, ventilado, individualizado (…) Mais algo que sempre podemos aprender dos nenos e das nenas e a tremenda capacidade de adaptación que teñen. A súa flexibilidade de pensamento é a nosa “resilencia” pero dun xeito innato; porque saben que xogar coa máscara posta é moi duro, pero é peor manter esa distancia social cos amigos e amigas. E cando lles preguntas que tal o pasaron, sempre dan un “ben!” por resposta.

Por iso dáme moita pena ter que comezar esta entrada no blog, sabendo que o grupo de 4ºA vai ter que quedar na casa durante uns días. Dende aquí a miña mensaxe de ánimo, unha aperta e o aviso de que os contidos de EF estarán dispoñibles tanto na Aula virtual, coma neste espazo.

Remato xa! Co firme propósito de facer deste curso unha defensa do ensino público de calidade para todos e para todas! Seguimos en contacto, ok?


venres, 19 de xuño de 2020

Consellos para un verán "desconfinado"

(Jecapix / Getty Images)

Segundo o calendario escolar hoxe, día 19, tiñan que rematar as clases (…) mais a realidade deixounos a todos na casa con moitos proxectos na mochila e sen vernos durante demasiado tempo. 
Así que agora toca aproveitar o verán recuperar o tempo de lecer, e por aquí, pensar nunha volta ás clases da mellor maneira posible.

Esta pandemia privounos de moitas cousas que agora toca recuperar pouco a pouco. Así que deixamos dúas ideas clave:

-        Hai que volver a xogar cos amigos e coas amigas. Estamos vendo que algúns alumnos aínda non puideron quedar para verse, xogar, compartir paseos, andar en bicicleta… Temos que superar os temores, porque a socialización a través das pantallas, non funciona. Son moitos os pediatras e psicólogos (tamén educadores…) que están a chamar a atención, xa que unha vez superada o peor desta crise temos que poñer o foco nas verdadeiras necesidades dos nenos e nenas. Hai que manter as cautelas, obviamente, pero debemos permitir que os nosos fillos volvan a xogar cos seus amigos e amigas.

-        Estar ao aire libre. Algo obvio, porque todos e todas aprendemos neste confinamiento que o déficit de natureza tivo unhas repercusións terribles no benestar dos pequenos. Así que nun claro exercicio de “pedagoxía verde” debemos asumir coma unha necesidade básica dos nosos fillos e fillas que poidan xogar libremente e moverse nun entorno natural.


(ArtMarie / Getty Images)

Aquí, neste verán van a caer un par de libros que afondan nestas ideas porque esta crise déixanos unha gran responsabilidade tras a emerxencia do coronavirus. Se queredes algunha recomendación preguntade e será un pracer comentarvos autores e autoras de referencia.
Mais nada, unha aperta grande, que teñades un magnífico verán e seguimos en contacto para o que precisedes. Vémonos pronto!

mércores, 13 de maio de 2020

Efectos dos confinamiento...

Moi boas!

Agora que xa deixamos atrás os peores días desta... pandemia, temos que empezar a pensar en tempos futuros e deseñar propostas para compensar tantos días de "peche" nas casas.
Unha primeira idea e promover actividade física "compensatoria", e así, dende EF, como punto de partida, queremos valorar se houbo incrementos (significativos) de peso por mor desta inactividade acumulada.

Dende os cursos de 5º en adiante, farémolo como tarefa de E-dixgal, pero para os cursos de 1º a 4º farémolo por correo: profepedro@edu.xunta.es
Deixo un enlace coas probas que estabamos a facer dentro do noso proxecto de valoración da condición física saudable

Un saúdo e seguimos en contacto!

luns, 4 de maio de 2020

Cómo estamos?

Moi boas! A verdade é que nestes días todos e todas estamos un pouco mais optimistas e cun mellor sorriso na cara, non e así?
As noticias xa non son tan terribles. Podemos saír a pasear, algúns xa collimos a bici... Vamos, que agora si que falta menos!

E claro, e dende este blog, e coa única pretensión de darvos ideas que sexan de utilidade, quixéramos chamar a atención acerca dos tempos que estamos diante das pantallas e como coidamos a nosa postura diante delas.

Aquí vos queda un vídeo moi curto que o explica moi ben. Espero que vos guste!


martes, 28 de abril de 2020

Día da Educación Física, na casa!


Bo día, hoxe 28 de abril ía ser a celebración dun día moi especial; o día da EF na rúa.

Unha xornada para saír fora das escolas e mostrar coma a través da nosa área buscamos o desenvolvemento competencial do alumando; con propostas inclusivas e abertas aos diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe.




Nestes días de confinamento, a promoción de hábitos saudables e da actividade física parécenos un traballo esencial; pero sen a vosa colaboración pouco poderemos facer dende este teclado.

Así que imos a cambiar o contexto e vos pedimos axuda para facer desta celebración unha oportunidade para que os alumnos e alumnas de 1º e 2º nos ensinen como están a facer exercicio dende a casa. 
A idea é que gravedes un pequeno vídeo -en formato horizontal e cunha duración duns 20 segundos- e, cando os teñades, mos remitides á uncolexioenforma@gmail.com. Con todas as propostas faremos un vídeo conxunto.
Un saúdo, grazas pola vosa disposición e para calquera dúbida estamos en contacto. Moito ánimo!

domingo, 26 de abril de 2020

Hoxe mellor, non?

Moi boas! Daban chuvia para hoxe... e durante todo o día, nin gota de auga... Penso que as nubes decidiron esperar a que todos e todas puiderades dar ese primeiro "paseo" despois de tanto tempo... 
Seguro que hoxe houbo mais sorrisos que de costume!
Pois como mañá si que vai chover; aquí queda un pequeno repaso de moitas posturas de Ioga.
Cando voltemos ao cole, seguro que seredes todos uns expertos/as no control do voso corpo e da respiración. Seguro!


Unha aperta moi grande! E seguimos en contacto, ánimo!

sábado, 25 de abril de 2020

Móvete con nós na casa

Aquí estamos cunha idea para traballar algo de coordinación e saltos. Sobre este vídeo, podedes  adaptalo, poñendo mais obstáculos (coxíns, almofadas...) e algo de música de fondo, non? Que sempre resultará mais divertido... 


E mañá... Que? A saír... Eu estarei atento ás vosas experiencias; así que contade, compartide, aportade ideas... e con sentidiño, ok? O que menos necesitamos, agora, é ter un accidente. Foron moitos días confinados e a nosa axilidade non vai a ser mesma.
Veña, unha aperta! E seguimos en contacto. Deica...

xoves, 23 de abril de 2020

Traballamos a velocidade de reacción?

Boas! Aquí estamos de novo, facendo do exercicio físico un dos nosos aliados para superar a tensión e frustración destes días de confinamento. Obviamente, a partires do domingo, cambia moito a situación, pero mentres, temos que seguir facendo actividade física e moita relaxación, estiramentos, ioga... O que prefirades; o que mellor vos resulte.

Así que hoxe, vídeo feito por profesores de EF, para estar uns 15 minutos afinando os nosos reflexos (de gran utilidade para traballar a atención e a cordinación)


Esperamos que vos gusre! Unha aperta moi grande!

mércores, 22 de abril de 2020

ADESTRAMOS CON 3º



Bo día!

Aquí temos o vídeo que fixemos coas propostas do alumnado de terceiro.
Esperamos que vos guste e que sirva de axuda para facer algo de actividade física dende as vosas casas.
Coma sempre! Se hai algún erro, ou considerades que non debería de estar subido a imaxe do voso fillo/a avisade e o modificaremos o antes posible.
Un saúdo a todos e todas...

luns, 20 de abril de 2020

Quen pode chegar ata o final?

Bo día! Temos unha nova proposta:


Xa vos aviso, é bastante esixente, pero podedes adaptalo: facer os primeiros 15 minutos, descansar e logo continuar... cambiar algún dos exercicios...  a idea é mellorar coordinación, equilibrio e subir pulsacións. Porque debemos poñernos en forma o antes posible, para saír das nosas casas sen perigo de caídas e accidentes, que é moito tempo fechados nas casas. Ok?

Unha aperta...

domingo, 19 de abril de 2020

Agora si que nos falta pouco...

Canto tempo desexando unha meta… unha data sinalada onde fixar os nosos  obxectivos. E parece que o día 27 vai a ser un paso moi grande para que os sete millóns de nenos e nenas deste país poidan saír das súas casas.

Certo! a realidade está sendo terrible, pero durante moito tempo houbo un silencio moi grande sobre as necesidades vitais dos nosos fillos e fillas (…)
Así que, aquí vai o meu recoñecemento para os meus “Heroes" deste confinamento:


xoves, 16 de abril de 2020

Cosmic Kids Yoga

Aquí estamos cunha das canles que mellor está funcionando para movernos un pouco facendo Ioga.


Para os cursos de infantil e primeiros da primaria son de gran utilidade... Pero temos o problema lingüístico (Hai que recoñecer que senón seguen a historia pérdense moito cos exercicios)
Así que cunha doblaxe pésima, pero en español, tamén volo deixo. (Esperamos que vos sexa de utilidade. Saúdos!)


mércores, 15 de abril de 2020

Imos cunha recomendación!

Boas noites!

As mensaxes que estou a recibir a través de E-dixgal e os vídeos que me enviades cos vosos exercicios é xusto o que mais necesitamos nestes momentos: ver a vosa creatividade e imaxinación facendo algo de exercicio físico, a pesar de todas as dificultades que estamos a vivir. Os meus parabéns, sen dúbida!

Pois Miguel, de quinto, envíanos unha proposta: un vídeo de aerobic. Gustoume moito, porque levaba tempo buscando contidos de baile, na liña do aerobic, con pasos asequibles e con "certa intensidade". A maioría dos vídeos que atopaba eran tipo zumba e a súa "estética" non me parecían a mais idónea para este blog.
Así que, Miguel, moitas grazas pola túa colaboración. Esperamos que vos sexan de utilidade estos minutos de baile que tedes por diante.


Unha aperta a todos e todas!

sábado, 11 de abril de 2020

Full body Workout!

Estamos a sábado... e algo de exercicio haberá que facer, non?

Aquí vai a miña proposta para os mais pequenos de primaria. Soamente oito minutos, pero moi necesarios!


Espero que vos sexa de utilidade. Ánimo, xa queda menos, seguro!

luns, 6 de abril de 2020

En forma co grupo de 4º

Xa estamos aquí coas propostas que nos mandan os alumnos e alumnas de 4º.


Esperamos que vos guste e que sexa de utilidade para facer un pouco de exercicio dende as vosas casas.
Unha aperta, moito ánimo e paciencia!

xoves, 2 de abril de 2020

Un pouco de Yoga para os de 1º e 2º

Bo día! Como van os nosos pequenos e pequenas da primaria?
Supoño que facendo moitas tarefas e inventando moitos xogos para pasar estas xornadas tan difíciles...

Pois un pouco de Yoga sempre axuda!

(Para os papás e mamás... esté é un vídeo tranquilo; non hai música "acelerada", nin imaxes cheas de flashes... A idea e relaxarse na medida do posible e movernos algo mais. Espero que vos sexa de axuda!)

Un abrazo a todos e todas!

martes, 31 de marzo de 2020

Seguimos coas "Tabatas"

Moi boas! Estamos a organizar o seguinte vídeo colectivo co grupo de 4º. Mentres non o temos funcionando, aquí vos deixo outra proposta de "Tabata". Ollo! Está é bastante esixente, para grupos de 4º para arriba. Pero -xa sabedes- podedes adaptar os exercicios ás vosas necesidades e posibilidades.


A idea é moverse e pasar o bo rato. Xa me contaredes! Saúdos a todos e todas!

venres, 27 de marzo de 2020

Vídeo cos de 5º!

Pois aquí está a proposta dos rapaces e rapazas das clases de quinto!


Espero que vos guste! Ánimo e moita paciencia!

mércores, 25 de marzo de 2020

Rutina de flexibilidade

Moi boas! Hoxe toca estirarse! Porque as consecuencias de estar tanto tempo sentado son...
Empezamos!

-Acortamiento del psoas ilíaco
-Inhibición de los glúteos 
-Isquiotibiales que precisan estirarse... Seguimos coa cadena cinética?


Pois poñamos un pouco de "Flow" nos nosos movementos e notaremos rapidamente o cambio. 
É fácil, dura pouco e resulta moi necesario! Disfrutádeo!

martes, 24 de marzo de 2020

Queremos facer un circuíto coas aportacións de todos e todas!

Esta é unha idea que temos funcionando nestes momentos cos grupos de 5º e de 6º (onde a ferramenta de E-dixgal danos mais facilidades de comunicación co alumnado)
Pero a idea é que, progresivamente, vaiades participando os demais cursos.


Aquí vos deixamos unha pequena rutina de "fitness"! Pódese facer na casa, non se precisa material, cansa! E, de paso, ides collendo ideas para cando vos toque aos demais cursos.
Saúdos, ánimo e paciencia. Xa queda menos!

luns, 23 de marzo de 2020

E seguimos coa comba!

Como imos? (Por aquí estamos, moi "enganchados" co salto á comba, de feito, estou mellorando e iso cando tes unha "certa idade" xa é unha gran satisfacción!) 😁

Nada, cando volvamos ás clase compramos combas novas e comprobamos o ben que saltamos todos e todas.

O que pasa, e que logo ves un vídeo como este... e daste conta do que é capaz de facer algunha xente.
Ata que nivel chegades vós?

(Saúdos...)

sábado, 21 de marzo de 2020

E agora, un facilito!


Unha breve rutina en formato "tabata" (20 segundos de traballo - 10 de descanso)
Esperamos que vos guste!

PD (Non vos esquezades de que queremos facer algo así cos vosos exercicios. Estou pendente do correo para ir editando o que me mandades)
Unha aperta!

mércores, 18 de marzo de 2020

Un difícil!

O que acabo de atopar... eu estaba a buscar vídeos co método tabata (xa falaremos del...) pero vin este e paréceme perfecto! moi esixente, pero ten unha duración de 30 minutos e precisamos subir os tempos de exercicio físico. 

Aviso, entre o minuto 20 e 23 hai unha serie de exercicios nos que debedes facer unha pequena carreira e tocar aos lados no chan, acortade as distancias ou o adaptades a modo de pasos laterais+sentadilla lateral, pero non vaiades a chocar con anda!

O dito! Actividade física para evitar o sedentarismo e manter un bo estado de ánimo!
Unha aperta moi grande!

martes, 17 de marzo de 2020

Un pouco de baile!

Moi boas!
A verdade é que non atopo moitas coreografías que se poidan presentar... Pero esta a temos usado nos "recreos activos" para quentar e funciona bastante ben:


Nivel de dificultade medio; cara ao final, cóstame seguir os pasos, pero tampouco é o meu forte o baile!

Saúdos!

luns, 16 de marzo de 2020

Estamos facendo os deberes?


Obviamente é unha broma… non podemos falar de deberes cando estamos nunha situación para que non estábamos preparados. E, persoalmente, creo que como non consigamos establecer unhas certas rutinas de exercicio físico pasaremos o virus este, pero a costa de moito desequilibrio interno.
Así que hoxe, outra proposta! Sen músicas estridentes, nin animacións tipo videoxogos:


Espero que vos resulte de utilidade. Un saúdo grande a todos e todas!

domingo, 15 de marzo de 2020

A salta á comba!

Que gran exercicio! E mira por onde, coa moda do CrossFit, todo o mundo está voltando a saltar... Pois é unha boa noticia, un click e teredes cantidade de información acerca dos beneficios desta actividade:

https://www.bbc.com/mundo/noticias/2016/04/160405_deportes_en_forma_saltar_cuerda_ejercicios_cuerpo_activo_jmp

Así que aquí queda a miña proposta de salto á corda, xa me contaredes que tal. A verdade é que foi unha mágoa non facer "mochilas viaxeiras" co material que temos para EF e que está no centro sen poder usarse (...) 


Mañá, eu penso darlle á corda! Saúdos e moito ánimo!

Pasamos ao Ioga!

Bo día!

Está claro que manter  un mínimo de actividade física vai a ser un factor esencial de saúde en tódolos aspectos. Así que imos a aproveitar este espazo para subir contidos e como canle de comunicación nos cursos nos que non dispoñemos de E-dixgal.

A través de Youtube, non estou atopando moitos contidos de “calidade”, que se poidan poñer como exemplo (…) Moitos bailes e coreografías, mostran estereotipos pouco recomendables ou actitudes claramente contrarias aos valores do noso proxecto educativo. Así que por aí non temos moito que mostrar.
Os vídeo de “Just dance” teñen coleccións de música bastante variadas, pero a estética de “videoxogo” tampouco é o mais recomendable nestes días de tanta estimulación.
Dúas propostas:



Pouco mais que engadir, todo o que sexa traballar mobilidade de tronco, cambiar de posición, xogar coa respiración van a ser actividades moi necesarias. 

E o canal da anterior entrada:

Os vídeos están bastante ben estruturados e a idea é que pais e nais, compartan este momento de exercicio facendo as rutinas que mellor se adapten as vosas necesidades.

Non moito mais! Supoño que en breve farei unha nova entrada con apps que ofrecen un progresión mais individualizada das actividades físicas, pero ten o risco de fomentar un maior uso das pantallas (…) 
O dito! Seguimos en contacto, moito ánimo!

sábado, 14 de marzo de 2020

Proposta de actividade física para 1º e 2º


Comezamos!

Nestes días que temos por diante, precisamos de opcións para manter o noso nivel de actividade física e a verdade é que non vai resulta doado coas restricións que imos afrontar.
Así que aí vai a nosa primeira proposta:




Un pouco de espazo, alfombra ou similar para os exercicios de chan e 13 minutos de actividade. 
O canal de Youtube ten un pouco de publicidade (inevitable…) pero pode ser unha boa opción.
Esperemos que vos sexa de utilidade e seguiremos buscando novas actividades.

Un saúdo e moito ánimo!

venres, 13 de marzo de 2020

Quedamos á espera!


Pois os nosos temores e inquedanzas, convertéronse en realidade (...) Quedan aprazadas todas as actividades que tíñamos preparadas dentro do marco Xogade, así como as propias do noso Proxecto deportivo de centro.

A día de hoxe, non temos instrucións de se é posible usar os blogs de "blogger" para subir información/tarefas nos cursos onde non dispoñemos de E-dixgal. Así que tede paciencia e moito ánimo para estes días que temos por diante. 
Un saúdo! (Apertas non nos deixan...)

martes, 10 de marzo de 2020

Xornada deportiva intercentros!


Xa estamos de novo polo blog! Moitos días sen entradas, pero foi por un bo motivo; a organización da primeira xornada dos encontros deportivos entre centros de Pontevedra.

Esta foi unha iniciativa que saiu grazas ao esforzo e colaboración dos mestres e mestras de EF de colexios coma o CEIP de Marcón, o CEIP San Benito de Lérez ou CEIP Santo André de Xeve, que nos invitaron a xogar aos que non dispoñemos das instalacións necesarias para estes encontros. 

As xornadas realizaranse co apoio da Secretaría Xeral para deporte, que nos xestiona o transporte e o correspondente seguro deportivo a través de Xogade. 

Así que este xoves, primeiro encontro cos grupos de sexto en Marcón: xogos alternativos, nun contexto de deporte inclusivo e para todos e todas. E promoción das merendas saúdables no tempo de descanso, con froita para todo o alumnado!

Esperamos que todo salga do mellor modo posible e nos levemos un gran recordo deste día. 
Saúdos!

xoves, 13 de febreiro de 2020

Campionato escolar de campo a través


Rematamos o campo a través! E da mellor maneira posible. Coa participación no campionato provincial de colexios.


O encontro foi en Portas. Entre mais de mil escolares de toda a provincia alí estábamos nós, co noso grupo de 3ºA, disposto a encherse de barro e correr 600 metros o mais rápido posible.

Foi unha gran xornada, con música, bo tempo e sen caídas. Aquí vos deixamos unhas das fotos da carreira:

Esperamos que vos gusten, e se hai algunha que considerades que non debería de estar subida na galería, avisade e rapidamente a quitaremos.
Un saúdo!

martes, 11 de febreiro de 2020

E seguimos co campo a través!

Mañá 12 de febreiro imos ao Campionato escolar de campo a través!


Ahí estaremos! Coa clase de 3ºA clasificada na xornada da fase zonal.
Imos a ter tanta sorte que parece que non vai a chover...
Un saúdo!

domingo, 2 de febreiro de 2020

Campionato Provincial de Campo a través


Moi boas! Como foi esta fin de semana? Esperamos que moi interesante e desfrutando do tempo libre.

Pois quixéramos comentarvos que no día de onte. Un grupo de alumnas e alumnas participaron no Campionato Provincial de atletismo, na modalidade de campo a través.


Ao final, coas baixas de ultima hora, soamente puideron participar sete. Apesares da chuvia da mañá, fixeron unhas magníficas carreiras, correndo con nenos e nenas que xa optaron polo atletismo como principal deporte e cunha distancia 500 metros superior a que disputaran na carreira da Illa das esculturas.

Persoalmente, moi contento con ir avanzando nas distintas modalidades de deporte escolar pero, coma sempre, quedamos abertos a novas propostas. Sen dúbida!

Un último agradecemento, a colaboración prestada, dende a organización dos quecementos, para facer grupo entre as distintas carreiras, coma nas fotos facilitadas que aquí vos deixo.

Un saúdo e seguimos en contacto!

xoves, 23 de xaneiro de 2020

Educación física na alameda?


Parece claro que temos un problema cos espazos do noso centro, a igual que outras moitas escolas de Pontevedra. Mais a falta dun espazo descuberto que permita desenvolver a educación física cunhas mínimas esixencias de calidade están moi presentes.


Unha proposta, que por agora parece mais ou menos viable, é aproveitar o parque da Alameda como fixemos no día de hoxe co grupo de 4º. Obviamente, non é a opción mais desexable, por que estamos fora do recinto escolar; pero a verdade é que o feito de correr, moverse ao aire libre, cansarse e xogar entre árbores é unha experiencia que sempre merece a pena.

Seguirémolo intentando. Saúdos!

sábado, 18 de xaneiro de 2020

Carreira no Telexornal

Minuto 21! A ver si aparece alguén do colexio...

http://www.rtve.es/alacarta/videos/telexornal-galicia/gal-20200117inf/5486298/

E mais fotos na prensa:
https://www.farodevigo.es/deportes/pontevedra/2020/01/18/900-ninos-participan-campeonato-campo/2232873.html

https://www.lavozdegalicia.es/album/pontevedra/pontevedra/2020/01/17/corriendo-salir-clase/01101579263901440748835.htm

Carreira campo a través!


A terceira… foi a vencida! Despois de dous aprazamentos, este venres día 17, por fin puidemos participar no cros escolar da zona de Pontevedra.


A xornada tivo o sol como protagonista, cando xa todos e todas temíamos o peor. Foi un bo comezo para un día de deporte escolar, de convivencia fora das aulas e de promoción da actividade física saudable.

Ademais, imos ter continuidade co atletismo xa que o grupo de 3ºA clasificouse para o Provincial escolar do día 12 de febreiro e algúns nenos e nenas estarán no Provincial individual do 1 de febreiro en Castrelos.

Mais nada, as fotos!

E, coma sempre, se hai algunha imaxe, polo motivo que sexa, que non debería de estar na galería; avisade e rapidamente a retiraremos.

Un saúdo e seguimos en contacto!

domingo, 12 de xaneiro de 2020

O DEZASETE... CARREIRA!



Feliz aninovo, ante todo! 

Este venres, por fin temos a carreira campo a través na Illa das esculturas.
No día de mañá enviaremos o aviso a través de “Abalar móbil” para que todos e todas esteades informados puntualmente de horarios e da organización.

Un saúdo e, agora, que non chova!