venres, 19 de xuño de 2020

Consellos para un verán "desconfinado"

(Jecapix / Getty Images)

Segundo o calendario escolar hoxe, día 19, tiñan que rematar as clases (…) mais a realidade deixounos a todos na casa con moitos proxectos na mochila e sen vernos durante demasiado tempo. 
Así que agora toca aproveitar o verán recuperar o tempo de lecer, e por aquí, pensar nunha volta ás clases da mellor maneira posible.

Esta pandemia privounos de moitas cousas que agora toca recuperar pouco a pouco. Así que deixamos dúas ideas clave:

-        Hai que volver a xogar cos amigos e coas amigas. Estamos vendo que algúns alumnos aínda non puideron quedar para verse, xogar, compartir paseos, andar en bicicleta… Temos que superar os temores, porque a socialización a través das pantallas, non funciona. Son moitos os pediatras e psicólogos (tamén educadores…) que están a chamar a atención, xa que unha vez superada o peor desta crise temos que poñer o foco nas verdadeiras necesidades dos nenos e nenas. Hai que manter as cautelas, obviamente, pero debemos permitir que os nosos fillos volvan a xogar cos seus amigos e amigas.

-        Estar ao aire libre. Algo obvio, porque todos e todas aprendemos neste confinamiento que o déficit de natureza tivo unhas repercusións terribles no benestar dos pequenos. Así que nun claro exercicio de “pedagoxía verde” debemos asumir coma unha necesidade básica dos nosos fillos e fillas que poidan xogar libremente e moverse nun entorno natural.


(ArtMarie / Getty Images)

Aquí, neste verán van a caer un par de libros que afondan nestas ideas porque esta crise déixanos unha gran responsabilidade tras a emerxencia do coronavirus. Se queredes algunha recomendación preguntade e será un pracer comentarvos autores e autoras de referencia.
Mais nada, unha aperta grande, que teñades un magnífico verán e seguimos en contacto para o que precisedes. Vémonos pronto!