mércores, 23 de outubro de 2019

Xornada medioambiental a través do Paddle surf



Vaia título para comezar esta nova entrada… e que tampouco é doado resumir nunha frase a actividade deste luns (…)



Xornada de sensibilización sobre o problema dos plásticos nos nosos mares?



Iniciación ao Paddle surf?



Imos polo principio! A idea deste ano é facer do noso centro unha escola “Activa e saudable”, non?
Pois aquí temos unha iniciativa que recolle moi ben o espírito desta proposta: fomentar a actividade física e que se desenvolvan contidos e valores positivos para o noso alumnado.



Hai que darlles as grazas a “Urbanculturefactory” que acertaron de cheo propoñéndonos traballar con Oscar Graña; un apaixonado do mar, da natureza e que leva media vida cambiando conciencias (buscade información da súa ONG “Coge3”). E con Milo Castelo, que leva mais tempo sobre o mar e entre as ondas que pisando terra firme.

Gustounos a actividade, moito! Aprendemos cos compañeiros e compañeiras, e compartimos unha xornada das que deixan bos recordos…

Aquí vos deixamos unha pequena colección das fotos que estiveron sacando as familias que se achegaron, esperamos que vos gusten.


E para rematar, un recordo a un dos grandes; Eduardo Galeano:


Mucha gente pequeña
en lugares pequeños,
haciendo cosas pequeñas,
pueden cambiar el mundo.

luns, 7 de outubro de 2019

Ruta da Pedra e da Auga

Moi boas! Xa estamos aquí co balance da nosa andaina pola ruta da Pedra e da Auga.



Ás dez da mañá comezábamos a camiñada xusto ao pé da ruta. Por sorte, a Agrupación de Protección Civil de Ribadumia estábanos esperando para garantir a seguridade nos tres pasos de peóns que tivemos que atravesar.   

Tivemos unha pequena parada antes de chegar ao parque onde está a Aldea Labrega pero, dende aí, levouse un ritmo bastante alto que nos permitiu chegar a Armenteira dúas horas despois, menos tempo do que contabamos.




Despois merenda e visita guiada ao mosteiro, para ver e comprender a importancia que tivo esta ruta ao longo dos séculos.

Pensamos que a xornada cumpriu os nosos obxectivos, actividade física saudable e inclusiva, para todos e todas; contacto coa natureza nun entorno de gran beleza, e xornada de convivencia e ocio compartido.
Aquí vos deixamos as primeiras fotos: https://photos.app.goo.gl/VGqxKL32s3xNGdVa6

Esperamos que vos gusten e se hai algunha que considerades que non debería de estar, avisade e rapidamente quitarase da galería.

Un saúdo e seguimos en contacto!

sábado, 21 de setembro de 2019

Día Europeo do Deporte Escolar, #BeActive

Boas! Hoxe querémosvos contar unha iniciativa que se vai a desenvolver en toda Europa: A semana Europea do deporte saudable; #BeActive #somosactivos #Galiciasaudable



O propio Parlamento Europeo destaca a necesidade de contar cunha sociedade activa e saudable, independentemente da idade, xénero, condición física e capacidade.

Así que, nesta semana, imos a acadar ese obxectivo de 120 minutos de actividade física a través dunha actividade en contacto coa natureza e de gran valor etnográfico e cultural.  Agora só falta que o tempo nos acompañe!

Un saúdo e seguiremos informándovos.

xoves, 12 de setembro de 2019

Un novo curso!

Moi boas! Xa estamos  novamente por aquí, cun novo curso e moitas ilusións e novidades.



Esperamos que tiverades un verán cheo de grandes momentos para empezar coa enerxía acumuladas nestas semanas de vacacións.
E, dende xa, queremos anunciarvos para este curso o noso obxectivo vai ser a transformación da nosa escola en todo un "Centro activo e saudable"


 Un saúdo e seguimos en contacto. Deica!


martes, 18 de xuño de 2019

E chegamos ao final…


Case sen darnos conta, estamos a rematar o presente curso 2018-2019 (…) E, por aquí, pasounos rapidísimo; de feito quedaron temas por dar, actividades por realizar e planes que nos gustaría ter desenvolvido. Coma sempre, os días de verán será un bo momento para axustar o noso Proxecto deportivo de centro ao novo curso.

Algunhas ideas que imos a anotar: Recreos mais activos! Usando a aula de música para propoñer bailes, aerobic ou zumba, se fai falta! Mais actividades intercentros, con deportes adaptados en idade escolar. Contacto coa natureza! Mais verde no tempo escolar (por moito que buscamos, soamente vemos o verde nas cadeiras e nas mesas…) E unha maior colaboración coas familias, necesitamos facer deste proxecto unha forma de traballar compartida; soamente así poderemos consolidar uns estilos de vida “activos e saudables”.




Que teñades unhas magníficas vacacións! Porque o merecedes, e porque tedes o dereito e a obriga destas semanas de tempo de lecer. Poucas pantallas, moito xogo e aire libre.  
Vémonos á volta do verán, unha aperta a todos e todas.

venres, 14 de xuño de 2019

Baloncesto 3x3

Pois xa imos rematando o curso... e unha das últimas actividades dende a nosa área foi a participación na xornada de baloncesto na rúa, en modalidade 3x3

Unha mañá de deporte saudable, convivencia e promoción de actividade física inclusiva.
Aquí vos quedan unhas cantas fotos dos partidos. Esperamos que vos gusten. Saúdos!

https://photos.app.goo.gl/7iK7Eknh1FT5Qr877

E agora, 5ºB!

Pois xa temos os últimos vídeos coas coreografías de 5ºB. Esperamos que vos gusten e se hai algún erro na edición, avisádenos!
(Actualizado! Que faltaba un vídeo por subir e xa estamos ao completo)