xoves, 23 de xaneiro de 2020

Educación física na alameda?


Parece claro que temos un problema cos espazos do noso centro, a igual que outras moitas escolas de Pontevedra. Mais a falta dun espazo descuberto que permita desenvolver a educación física cunhas mínimas esixencias de calidade están moi presentes.


Unha proposta, que por agora parece mais ou menos viable, é aproveitar o parque da Alameda como fixemos no día de hoxe co grupo de 4º. Obviamente, non é a opción mais desexable, por que estamos fora do recinto escolar; pero a verdade é que o feito de correr, moverse ao aire libre, cansarse e xogar entre árbores é unha experiencia que sempre merece a pena.

Seguirémolo intentando. Saúdos!

sábado, 18 de xaneiro de 2020

Carreira no Telexornal

Minuto 21! A ver si aparece alguén do colexio...

http://www.rtve.es/alacarta/videos/telexornal-galicia/gal-20200117inf/5486298/

E mais fotos na prensa:
https://www.farodevigo.es/deportes/pontevedra/2020/01/18/900-ninos-participan-campeonato-campo/2232873.html

https://www.lavozdegalicia.es/album/pontevedra/pontevedra/2020/01/17/corriendo-salir-clase/01101579263901440748835.htm

Carreira campo a través!


A terceira… foi a vencida! Despois de dous aprazamentos, este venres día 17, por fin puidemos participar no cros escolar da zona de Pontevedra.


A xornada tivo o sol como protagonista, cando xa todos e todas temíamos o peor. Foi un bo comezo para un día de deporte escolar, de convivencia fora das aulas e de promoción da actividade física saudable.

Ademais, imos ter continuidade co atletismo xa que o grupo de 3ºA clasificouse para o Provincial escolar do día 12 de febreiro e algúns nenos e nenas estarán no Provincial individual do 1 de febreiro en Castrelos.

Mais nada, as fotos!

E, coma sempre, se hai algunha imaxe, polo motivo que sexa, que non debería de estar na galería; avisade e rapidamente a retiraremos.

Un saúdo e seguimos en contacto!

domingo, 12 de xaneiro de 2020

O DEZASETE... CARREIRA!



Feliz aninovo, ante todo! 

Este venres, por fin temos a carreira campo a través na Illa das esculturas.
No día de mañá enviaremos o aviso a través de “Abalar móbil” para que todos e todas esteades informados puntualmente de horarios e da organización.

Un saúdo e, agora, que non chova!

martes, 26 de novembro de 2019

Houbo Magosto!



Houbo magosto! Case, case, chegando ao Nadal. Pero as castañas precisan lume, e con tanta auga, chuvia e vento, non foi doado preparar esta xornada.

Mais ao final houbo festa, con castañas, xogos e música. Por sorte, tivemos a colaboración e axuda do alumnado de sexto. Sen o seu traballo non poderíamos facer nin organizar os distintos xogos tradicionais galegos. Estiveron en cada grupo coidando de que todo o mundo puidera xogar e axudando a quen o precisaba. Así que, dende aquí, mostrar o noso agradecemento polo bo traballo realizado.

As fotos! Deixámosvos unhas cantas imaxes que esperamos que vos gusten: https://photos.app.goo.gl/vQD2iir1jUdEDMDw5.
Se por calquera motivo, considerades que algunha non debería de estar subida, avisade, e rapidamente se quitará.

Un saúdo e seguimos en contacto!

mércores, 23 de outubro de 2019

Xornada medioambiental a través do Paddle surf



Vaia título para comezar esta nova entrada… e que tampouco é doado resumir nunha frase a actividade deste luns (…)



Xornada de sensibilización sobre o problema dos plásticos nos nosos mares?



Iniciación ao Paddle surf?



Imos polo principio! A idea deste ano é facer do noso centro unha escola “Activa e saudable”, non?
Pois aquí temos unha iniciativa que recolle moi ben o espírito desta proposta: fomentar a actividade física e que se desenvolvan contidos e valores positivos para o noso alumnado.



Hai que darlles as grazas a “Urbanculturefactory” que acertaron de cheo propoñéndonos traballar con Oscar Graña; un apaixonado do mar, da natureza e que leva media vida cambiando conciencias (buscade información da súa ONG “Coge3”). E con Milo Castelo, que leva mais tempo sobre o mar e entre as ondas que pisando terra firme.

Gustounos a actividade, moito! Aprendemos cos compañeiros e compañeiras, e compartimos unha xornada das que deixan bos recordos…

Aquí vos deixamos unha pequena colección das fotos que estiveron sacando as familias que se achegaron, esperamos que vos gusten.


E para rematar, un recordo a un dos grandes; Eduardo Galeano:


Mucha gente pequeña
en lugares pequeños,
haciendo cosas pequeñas,
pueden cambiar el mundo.

luns, 7 de outubro de 2019

Ruta da Pedra e da Auga

Moi boas! Xa estamos aquí co balance da nosa andaina pola ruta da Pedra e da Auga.



Ás dez da mañá comezábamos a camiñada xusto ao pé da ruta. Por sorte, a Agrupación de Protección Civil de Ribadumia estábanos esperando para garantir a seguridade nos tres pasos de peóns que tivemos que atravesar.   

Tivemos unha pequena parada antes de chegar ao parque onde está a Aldea Labrega pero, dende aí, levouse un ritmo bastante alto que nos permitiu chegar a Armenteira dúas horas despois, menos tempo do que contabamos.




Despois merenda e visita guiada ao mosteiro, para ver e comprender a importancia que tivo esta ruta ao longo dos séculos.

Pensamos que a xornada cumpriu os nosos obxectivos, actividade física saudable e inclusiva, para todos e todas; contacto coa natureza nun entorno de gran beleza, e xornada de convivencia e ocio compartido.
Aquí vos deixamos as primeiras fotos: https://photos.app.goo.gl/VGqxKL32s3xNGdVa6

Esperamos que vos gusten e se hai algunha que considerades que non debería de estar, avisade e rapidamente quitarase da galería.

Un saúdo e seguimos en contacto!