luns, 19 de outubro de 2020

Ruta da pedra e da auga

Este pasado xoves, día 15, puidemos retomar unha das nosas actividades preferidas: as rutas en contacto coa natureza. E que mellor opción que ir ao Salnés para coñecer e percorrer a Ruta da pedra e da auga.


O grupo de 4ºA -que tivo un comezo de curso moi complicado- completou a senda en sentido ascendente, dende Ribadumia ata o Mosteiro de Armenteira; facendo desta xornada un gran día de convivencia e de aula ao aire libre.

En breve subiremos algunha das fotos realizadas, e que serivarán para facer o mural da súa aula.

Un saúdo e seguiremos en contacto! 

xoves, 1 de outubro de 2020

Xa queda menos!

 Veña que para a semana estamos todos e todas de volta na clase!

20 minutos de exercicio puro e duro. Estades listos? 




Moito ánimo! 


domingo, 27 de setembro de 2020

Aumentamos a intensidade!

Esta semana toca traballar dende casa (...) E non vale quedarse sen moverse; o día 6 vémonos e tedes que estar en forma, porque vos penso preparar unha volta ás clases moi especial. Ok?


A música a poñedes ao voso gusto. E os exercicios están para adaptalos, cada un/unha ao seu nivel. O importante é non parar!

Apertas grandes e moito ánimo! 

xoves, 24 de setembro de 2020

O venres... TABATA!

 (Se temos que quedar na casa, pois quedamos, pero ao saír, imos a estar mais fortes que nunca!)


Moito ánimo para a nosa clase de 4ºA, que non poderá vir ás clases durante uns días. Unha aperta!

Comezando un novo curso...

 


Cantas ganas tíñamos de vernos, de volver ás clases; de compartir tempos e espazos nesta parte vital das nosas vidas, o paso pola escola.

E sabíamos que ía ser un curso raro, marcado polas medidas preventivas da Covid-19, onde todo tiña que ser desinfectado, ventilado, individualizado (…) Mais algo que sempre podemos aprender dos nenos e das nenas e a tremenda capacidade de adaptación que teñen. A súa flexibilidade de pensamento é a nosa “resilencia” pero dun xeito innato; porque saben que xogar coa máscara posta é moi duro, pero é peor manter esa distancia social cos amigos e amigas. E cando lles preguntas que tal o pasaron, sempre dan un “ben!” por resposta.

Por iso dáme moita pena ter que comezar esta entrada no blog, sabendo que o grupo de 4ºA vai ter que quedar na casa durante uns días. Dende aquí a miña mensaxe de ánimo, unha aperta e o aviso de que os contidos de EF estarán dispoñibles tanto na Aula virtual, coma neste espazo.

Remato xa! Co firme propósito de facer deste curso unha defensa do ensino público de calidade para todos e para todas! Seguimos en contacto, ok?


venres, 19 de xuño de 2020

Consellos para un verán "desconfinado"

(Jecapix / Getty Images)

Segundo o calendario escolar hoxe, día 19, tiñan que rematar as clases (…) mais a realidade deixounos a todos na casa con moitos proxectos na mochila e sen vernos durante demasiado tempo. 
Así que agora toca aproveitar o verán recuperar o tempo de lecer, e por aquí, pensar nunha volta ás clases da mellor maneira posible.

Esta pandemia privounos de moitas cousas que agora toca recuperar pouco a pouco. Así que deixamos dúas ideas clave:

-        Hai que volver a xogar cos amigos e coas amigas. Estamos vendo que algúns alumnos aínda non puideron quedar para verse, xogar, compartir paseos, andar en bicicleta… Temos que superar os temores, porque a socialización a través das pantallas, non funciona. Son moitos os pediatras e psicólogos (tamén educadores…) que están a chamar a atención, xa que unha vez superada o peor desta crise temos que poñer o foco nas verdadeiras necesidades dos nenos e nenas. Hai que manter as cautelas, obviamente, pero debemos permitir que os nosos fillos volvan a xogar cos seus amigos e amigas.

-        Estar ao aire libre. Algo obvio, porque todos e todas aprendemos neste confinamiento que o déficit de natureza tivo unhas repercusións terribles no benestar dos pequenos. Así que nun claro exercicio de “pedagoxía verde” debemos asumir coma unha necesidade básica dos nosos fillos e fillas que poidan xogar libremente e moverse nun entorno natural.


(ArtMarie / Getty Images)

Aquí, neste verán van a caer un par de libros que afondan nestas ideas porque esta crise déixanos unha gran responsabilidade tras a emerxencia do coronavirus. Se queredes algunha recomendación preguntade e será un pracer comentarvos autores e autoras de referencia.
Mais nada, unha aperta grande, que teñades un magnífico verán e seguimos en contacto para o que precisedes. Vémonos pronto!

mércores, 13 de maio de 2020

Efectos dos confinamiento...

Moi boas!

Agora que xa deixamos atrás os peores días desta... pandemia, temos que empezar a pensar en tempos futuros e deseñar propostas para compensar tantos días de "peche" nas casas.
Unha primeira idea e promover actividade física "compensatoria", e así, dende EF, como punto de partida, queremos valorar se houbo incrementos (significativos) de peso por mor desta inactividade acumulada.

Dende os cursos de 5º en adiante, farémolo como tarefa de E-dixgal, pero para os cursos de 1º a 4º farémolo por correo: profepedro@edu.xunta.es
Deixo un enlace coas probas que estabamos a facer dentro do noso proxecto de valoración da condición física saudable

Un saúdo e seguimos en contacto!