martes, 11 de xuño de 2019

Empeza o Acrosport!


Remata o curso! E dende educación física queremos mostrarvos a creatividade que ten o noso alumnado cando traballamos co Acrosport.



Como xa vos contamos, é un disciplina cooperativa onde hai unha parte artística e outra de figuras e pirámides; usando as habilidades ximnásticas como elemento de enlace entre unha figura e outra.  


A música non pode faltar e o resultado aquí o tedes: os primeiros vídeos de 4ºA; creatividade, baile e ximnasia que esperamos vos guste tanto coma a nós!

martes, 28 de maio de 2019

Xornada de deporte adaptado



Moi boas! Este venres tivemos a oportunidade de coñecer e practicar distintas modalidades de deporte adaptado.

Como ben sabedes o deporte non coñece barreiras, porque a presenza dunha discapacidade non é límite para un proxecto de vida activo e saudable. Así que, grazas a invitación da Asociación Amizade, puidemos probar o potencial que teñen estas disciplinas deportivas, como ferramenta inclusiva e como novas opcións para o noso tempo de lecer.

Un saúdo e aquí vos quedan algunhas fotos desta xornada!


Ah! E as fotos do xornal Pontevedraviva.com:
https://pontevedraviva.com/deportes/54953/montero-rios-vistese-cuarto-ano-pista-deportiva-adaptada/

domingo, 19 de maio de 2019

Xornada de Xogos tradicionais


Moi boas! A que resulta moi difícil atopar rapaces e rapazas que estean a practicar Xogos tradicionais galegos?

Nunha cidade, contexto urbano; non hai moitos espazos abertos, con terra e paus para xogar, certo é! Ademais, perdeuse unha xeración de pais/nais que os practicaron… E resulta unha mágoa, porque a través deles podemos acadar valores moi desexables coma a cooperación, o xogo limpo, a aceptación das regras establecidas…

Pois con esta necesidade, de recuperar unha parte da nosa cultura, o mércores desprazámonos ata Silleda onde nenos e nenas de distintos centros puideron practicar e aprender xogos coma a Billarda, a Chave ou os Bolos Celtas. E nos tempos de descanso? Pois baile, loita e un fútbol sala!


Unha gran xornada e un bo recordo, do que aquí vos quedan algunhas fotos:

(Acordádevos, se hai algunha foto que non queredes que estea pública, avisade e rapidamente a quitaremos) Un saúdo e ata á proxima!

venres, 12 de abril de 2019

Carreira solidaria

Xa estamos aquí con novas fotos! https://photos.app.goo.gl/6QwpzeJLEFaPo5P16


Onte participamos na carreira solidaria que organizou o colexio Sagrado Corazón de Placeres, con motivo do seu centenario, colaborando co Banco de alimentos de Pontevedra.
Sol, Illa das esculturas e unha xornada activa e saudable.

Esperamos que vos gusten as fotos, e se hai que quitar algunha -polo motivo que sexa- avisade e rápidamente se quitará da galería. Saúdos e que teñades unha magnífica Pascua

luns, 1 de abril de 2019

D.A.F.I.S.


Moi boas! Como xa vos explicamos noutras ocasións, o noso Proxecto deportivo de centro ten como finalidade a promoción de estilos de vida activos e saudables dende un ámbito educativo. 




Neste contexto, un dos nosos obxectivos tiña que ser, a valoración da condición física. Necesitábamos saber como estamos para  así programar actividades específicas naqueles aspectos a mellorar.

Aquí vos queda o enlace coa descrición das distintas probas:

E mais nada, esperamos que vos gusten as probas e que os resultados nos sirvan para ver cales son as nosas fortalezas e onde debemos incidir mais.
Saúdos!

martes, 26 de marzo de 2019

Xornada de Xoga-loita


Este venres, día 22 de marzo, os grupos de 4º desprazámonos ata o CGTD para xogar á loita con nenos e nenas doutros centros.


Aproveitando a celebración dun acordo para promover a igualdade no deporte, distintos alumnos e alumnas participaron nun encontro multideportivo dentro do marco “Xogade”. A nós, tocounos coa Xunqueira II; xogos de agarre, empuxe, forza e moita diversión. Non importaba quen gañara e si o xogo limpo en igualdade.
Unha boa xornada da que aquí https://photos.app.goo.gl/VQQaPQATFyDiS73w8, vos deixamos unhas cantas fotos. Acordádevos! Se algunha non vos gusta, avisade e rapidamente a quitaremos.

Un saúdo e ata á proxima!

venres, 15 de marzo de 2019

Xornada de atletismo en pista!


Xa estamos novamente polo blog, con fotos!



Pouco a pouco, van saíndo estas actividades que tanto precisamos para aumentar o noso tempo de actividade física e que nos permiten coñecer outras disciplinas deportivas.

Aquí vos deixamos  unhas poucas imaxes desta xornada de convivencia con nenos e nenas doutras escolas. Esperamos que vos gusten, pero hai poucas, “problemas do directo”. Coma sempre, se hai algunha foto que non vos gusta, avisade e rapidamente a retiraremos.

Un saúdo e a seguir así de “activos e saudables”.